Empezar unha campaña é fácil
Crea o teu reto #TPP
Convértete en embaixador ou embaixadora da causa "Ti podes paralos!" de ADEGA. Crea o teu reto #TPP a través desta plataforma web en tan só 10 minutos! Como?: 1. Inicia sesión, 2.Crea a túa conta de acceso, 3. Propón o teu reto #TPP individual ou grupal! Poderás establecer o obxectivo a recadar na tua campaña #TPP, o prazo para conseguilo e, mesmo, escoller o desafío #TPP ao que queres destinar os fondos recadados a través do teu chamado.
As doazóns que consigas serán transferidas directamente á causa "Ti podes paralos!". Incluso, podes vincular o teu reto #TPP a un evento ou actividade solidaria organizada co propósito de recadar doazóns para a causa. Exemplos: o teu aniversario, unha viaxe, unha cea solidaria, unha foliada, unha convocatoria deportiva, unha actividade na natureza, un treito do Camiño de Santiago, un sorteo, unha estrea, etc...
Traslada a túa mensaxe, móstranos a túa imaxe e espalla a túa campaña #TPP entre os teus seguidores/as e amizades. Deste xeito, ti tamén poderás paralos!
Preme AQUÍ para obter máis información sobre como crear o teu reto nesta plataforma de embaixadores/as #TPP.
Espalla o teu reto #TPP
Unha vez validado e publicado o teu reto #TPP nesta plataforma, o máis importante para que funcione é que teña presenza nas túas redes sociais, nos teus grupos de whatsapp e telegram, nas túas contas de correo persoal, etc.; que fales dela con frecuencia, que chames reiteradamente a entrar na túa campaña #TPP para doar, que a teñas presente en todos os actos colectivos nos que participes, que lle fagas seguimento... ADEGA estará ao teu carón para ofrecerche asesoramento en calquera momento que o precises.
Fai seguimento e agradece
Será interesante ver como evoluciona día a día a túa campaña, para comprobar a repercusión que está a ter na causa, para reforzar ou actualizar a mensaxe, etc. É moi importante que te dirixas ás persoas que fan doazóns a través do teu reto #TPP para agradecerlles a súa axuda e colaboración, xa que elas determinarán o éxito do teu reto e, en definitiva, da causa que nos move.
Opción B. ADEGA axúdache a crear o teu reto #TPP
Se queres ser embaixador/a da causa "Ti podes paralos!" pero queres que sexa ADEGA a que se encargue de darlle forma á túa campaña #TPP, envíanos ao email cerna@adega.gal, o seguinte:
- Unha breve descrición do reto, actividade ou evento ao que queiras vincular a túa campaña #TPP. Mira os exemplos que propoñemos no paso 1, as posibilidades son infinitas! Comparte con nós a túa idea, e poñémola a andar!
- Unha foto para o encabezamento do teu reto #TPP que teña a ver co obxectivo do desafío que propós.
- Unha foto de ti na que se che recoñeza (a que máis che guste) ou do grupo co que compartes o reto.
- Unha pequena historia (storie) de 2-3 parágrafos, redactados por ti, dos motivos que te empuxan a colaborar coa causa Ti Podes Paralos! de ADEGA, animando ás túas amizades, familiares e coñecidos/as a contribuiír coa súa doazón. Non tes por que ser afectado/a directo/a da invasión eólica para crear o teu propio reto #TPP, pero se o es, a túa historia persoal axudará a outros/as identificarse e a solidarizarse coa túa situación. Podes completar a túa historia, cun breve vídeo de 1 minuto.
- O obxectivo de recadación (importe en €) que cres que poderías recadar a través da túa campaña ou reto #TPP.
- O prazo de recadación no que pensas que se pode acadar o obxectivo indicado.
Unha vez que estea creado o teu reto #TPP, suxerímosche que sigas as instrucións 2 e 3 para actuar como unha boa embaixadora ou embaixador da causa "Ti podes paralos!".