Ti podes paralos!
"Ti podes paralos!" é a campaña de recadación colectiva ou "crowfunding" impulsada por ADEGA para poder emprender accións xurídicas contra a actual invasión eólica do país, e recorrer nos tribunais aqueles proxectos macroeólicos autorizados pola Xunta ou polo Ministerio de Transición Ecolóxica que supoñan un dano irreversíbel para o medio ambiente e o patrimonio natural e cultural de Galiza, ou que sexan inxustos socialmente.
ADEGA conseguiu recentemente varios éxitos nos tribunais en contra da actual invasión eólica, como as anulacións dos parques eólicos Serra do Iribio, Campelo e Bustelo, ou a paralización cautelar do parque eólico Monte Toural. Todos estes logros demostran unha vez máis que as persoas, unidas e organizadas, podemos enfrontar con dignidade a depredación do Capital sobre o noso territorio. E ti es imprescindíbel nesta loita. Ti podes paralos!
Faite embaixador/a da campaña!
Ademais de contribuír coa causa a través da iniciativa de recadación solidaria impulsada por ADEGA, agora tamén podes crear o teu propio reto #TPP, e converterte en embaixador/a da campaña. Chama as túas seguidoras e amizades a que doen e apoien a causa a través da túa petición persoal. Segue as instrucións e bota a andar facilmente o teu reto #TPP! En ADEGA atoparás toda a axuda que precises.
Cómpre defender o medio ambiente galego da vaga eólica e demandar un modelo enerxético xusto, sustentábel e ao servizo do pobo, e nisto, ti tes moito que dicir!
Imaxes:
- Mapa dos polígonos eólicos (en vermello) a recorrer no TSXG, dentro da campaña #TiPodesParalos. Olla o mapa en detalle nesta ligazón: https://lc.cx/AtfXA0
- Unha das manifestacións contra a invasión eólica en Santiago de Compostela. Coordinadora Eólica Así Non.
- Cabalo galego de monte (Equus ferus atlanticus). Cris Abilleira
- Gatafornela (Circus cyaneus), especie ameazada. Damián Porto
- Morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), especie ameazada. Damián Porto
- Amarelle galaico (Narcissus nobilis), especie ameazada. Manuel Abalo / Orballiña carnívora (Drosera intermedia). Damián Porto
- Panorámica de Monte Penido, cunha das mámoas conservadas.
- Penaquetanxe. Fins Eirexas